press release only in german

Información contra información é unha exposición producida dentro do marco de traballo de Proxecto-Edición, un proxecto evolutivo (entre 2006 e 2008), multifacético (conta con talleres, seminarios, producións, exposicións, etc.) e centrado na investigación dos diferentes soportes de edición actuais e dos usos que deles fan os artistas. Durante 2006, as tres institucións organizadoras (CGAC, Fundación Luis Seoane e MARCO) acolleron diversas exposicións. Entre elas, O futuro da actualidade é a que marca a pauta para a presente mostra.

Seguindo co esquema de traballo definido na mencionada exposición, Información contra información trata de poñer sobre a mesa unha serie de propostas e de obras nas que a información se converte no campo de batalla no que quedan en evidencia a obxectividade e a neutralidade. Esta fricción entre diferentes informacións –de aí o título da mostra–, que están retroalimentadas por actitudes e ideoloxías moi diversas, descentraliza e desxerarquiza a homoxeneidade da información e a experiencia masificada da mesma. Da man das obras de Jimmie Durham, Jota Castro, Boris Mikhailov, Jordi Mitjà, Maria Pask, Rubén Grilo, Allan Sekula, Akram Zaatari o Yann Sérandour, e daquelas producidas expresamente para este proxecto como é o caso das propostas de María Ruido e Jacob Fabricius, poderemos examinar diferentes formas de traballar coa información, que se opoñen ás formas hexemónicas convencionais e son herdeiras das transformacións radicais xeradas entre os anos sesenta e setenta.

Os diferentes movementos alternativos, inconformistas, activistas e contraculturais das décadas de sesenta e setenta son cruciais para comprender a formación do espazo público tal e como o entendemos hoxe. Foron os anos de transformación do capitalismo postindustrial e tamén da súa extensificación a nivel mundial; o cal coincidiu co desenvolvemento de conceptos, prácticas, iniciativas e actitudes que intentaban reequilibrar en parte a omnipresenza poderosa dos seus tentáculos. Tratouse, pois, de movementos de resistencia que operaron en múltiples niveis, pero que, no fondo, tiñan en común a vontade de mostrar un horizonte diferente de posibilidades que expandían as limitacións do sistema. Estes movementos deron unha visibilidade subversiva e a contrapelo, tanto na esfera da cultura como da sociedade ou da política, a un conxunto de manifestacións que contradicían ou matizaban a información oficial, convencional e acriticamente aceptada.

O resultado de todo iso podería ser entendido como un espazo de outridade ou un paradigma de diferenza á hora de pensar, actuar e concibir a existencia no medio da impaciencia e voracidade do capitalismo postindustrial e o neoliberalismo do que somos herdeiros. Repasar algúns destes movementos e analizar as actitudes que lles dan sustento permite delimitar un mapa a partir do cal e posible entender as producións seleccionadas para esta exposición.

A capacidade de pervivencia de moitas conformacións culturais parece atopar serios impedimentos hoxe en día. Os hits que até hai pouco constituían a novidade do momento acaban, case sen decatarnos, no limbo que ocupan aqueles produtos ou modas que xa cumpriron a súa función, como os xornais vellos. Con Old News Jacob Fabricius propón reler as noticias pasadas para darlles unha segunda oportunidade, unha pervivencia e unha vixencia que contrastan coa obsolescencia planificada do capitalismo impaciente.

Mentres Fabricius opta por reler a noticia, pola súa parte, Yann Sérandour traballa con información desprazándoa dun lugar a outro e alterando os códigos visuais, contextuais e históricos que a sustentan, de xeito que ao final non só subverte os ditos códigos senón que tamén amplifica a interpretación dos mesmos. Os códigos, pois, non son neutros, senón que están cargados de ideoloxía.

A achega de Jimmie Durham consiste nun conxunto de fotografías nas que simula ou pretende ser outra persoa para poñer en evidencia a súa situación entre dous mundos e a dobre información (o que é o mesmo, a dobre ideoloxía, segundo quedou claro ao acercarnos á obra de Sérandour), que hai que codificar para se relacionar con cada un deles. A dualidade sobre a que debe construír a súa existencia obedece asemade a unha dualidade de códigos comunicativos en desequilibrio, xa que un deles, o occidental hexemónico, esmaga as súas raíces indias.

Existen múltiples formas de ordenar os diferentes códigos informativos, culturais e artísticos que empregamos a diario. Jota Castro amósanos un catálogo de maneiras e normas que xorden en todas as conformacións culturais, científicas, artísticas e políticas.

Con todos os códigos comunicativos e culturais que acumulamos acrecentamos o coñecemento da diversidade e disparidade de opcións. No caso de Boris Mikhailov a súa arte é como un banco de imaxes que ofrece a outra cara da publicidade triunfalista das institucións e dos media grazas a unha potenciación do que sucede na rúa, do popular, do cotián, incluso de aqueles aspectos máis desagradables ou duros do día a día.

Se Mikhailov nos presenta a dureza do espazo público, Jordi Mitjà proporciónanos ferramentas para actuar nel. Trata de propor alternativas aos mecanismos comunicativos convencionais e aos formatos tradicionais de codificación da información mediática, co fin de ofrecer un novo horizonte social no que as clases subalternas poidan explorar novos códigos comunicativos que lles sexan propios.

Rubén Grilo reacciona ante o complexo mundo da cultura contemporánea e ante as súas derivacións no mundo dos medios de comunicación, propoñendo respostas xeralmente insatisfeitas fronte a simplicidade e atonía das convencións comunicativas.

Allan Sekula presenta un mapa dos elementos claves á hora de entender os diferentes aspectos do capitalismo global, desde as forzas económicas que operan, até as forzas de represión que aseguran o sustento das potencias económicas. O obxetivo da cámara non é neutro e o artista manipúlao para acercarse á acción que analiza e documenta, seguindo o fluxo e a dinámica interna dos acontecementos.

Akram Zaatari, pola súa banda, discrepa das representacións convencionais e oficiais do seu contexto cultural e proponnos desviacións que volven máis complexa a nosa ollada. Para iso recorre a estratexias de autorrepresentación que nos liberan dos moldes estereotipados cos que habitualmente é deseñada e construída a información dos media.

A asunción dalgúns códigos comunicativos dos anos sesenta e setenta non significa volver ás vellas fórmulas das utopías dese decisivo momento histórico. Con exercicios semellantes, Maria Pask busca outra filiación histórica e outras coordenadas de pensamento –dalgunha maneira inspiradas nos pioneiros desa etapa– para artellar outros horizontes diferentes da impaciencia do capitalismo tardío e da hexemonía do paradigma consumista.

A memoria e os relatos construídos sobre ela teñen unha aspiración: ser a historia de quen non tivo acceso á construcción dos relatos hexemónicos, ou sexa, ser un relato popular, non no sentido social do termo senón no político. No contexto da globalización e da disneylandización os dereitos cívicos parecen ser substituídos pola exaltación dun difuso discurso compensatorio.

María Ruido propón unha instalación con cinco entrevistas, nas que se mostran relatos sobre a memoria que superan a átona corrección política. Este traballo forma parte dun proxecto máis amplo que leva por título Plan Rosebud.

Manuel Olveira

only in german

INFORMACION CONTRA INFORMACION

mit Jota Castro, Jimmie Durham, Jacob Fabricius, Rubem Grilo, Boris Mikhailov, Jordi Mitja, Maria Pask, Maria Ruido, Allan Sekula, Yann Serandour, Akram Zaatari