press release only in german

Como toda posta en común "posta en escena" de traballos artísticos diversos, a exposición Rexistros e hábitos. Máquina de tempo / Imaxes de espazo require a definición duns límites que doten de sentido á súa presentación, co fin de potenciar as individualidades e ao tempo revelar as posibles tensións derivadas dunha proximidade provisional. No inicio non había un guión preciso, máis ben unha pregunta, unha urxencia de intentar definir os modos en que rexistramos o tempo e as historias, da que se deriva outra interrogación sobre cómo ocupamos, cómo habitamos o espazo, os espazos. Pegada, inscrición, indicio, rexistro, arquivo, itinerario, memoria, residuo, escenario, hábito e hábitat foron algúns dos conceptos que funcionaron como puntos de partida para a elección dos autores deste proxecto, para a selección do grupo: todas esas palabras remítennos a un sentido claro de definición de espazos e lugares negociados de diversos modos, a accións e tempos con ritmos e intensidades diversas, a rexistros de experiencia e marcas do pasado, restos e rastros que podemos reincorporar no presente; pero tamén se refiren a modos de habitar e a formas de ordenar, seleccionar e presentar coñecemento. Rexistro e arquivo, por exemplo, son palabras que designan tanto a acción como o seu efecto, e ese concepto marcaba unha posibilidade de desenvolvemento cara a un territorio de memoria, presenza e permanencia. Bleda e Rosa foron cara aos lugares da orixe do home para atopar na súa paisaxe o latente. Intentando abranguer tempos extremos, na súa serie Origen (2003-2006) actualizan ese tempo cos tempos e paisaxes contemporáneas das investigacións. Como na súa serie anterior, Campos de fútbol (1992-1995), non nos falan dun tempo externo a nós mesmos, senón da nosa colocación nel. As súas imaxes funcionan como rexistros visuais dun tempo sempre presente que se amosa á conciencia na forma de duración. Kings of the Hill (2003), Low Relief II (2004) e Wild Seeds (2005), de Yael Bartana, desvelan "mediante o rexistro de certas imaxes e sons relacionados con diversos aspectos da sociedade israelí" o uso coercitivo que un Estado pode inflixir sobre os sentimentos e as emocións dos seus habitantes en espazos e tempos rituais e simbólicos; procurando tamén neses espazos e historias colectivas os xestos persoais, as palabras e os códigos de comportamento dos individuos, os hábitos que os definen no grupo e fronte a el. As series 1936-1975 (1998) e Así éramos (2006) de Xisco Mensua, rexistran e traducen a través do debuxo ou a colaxe fotográfica non tanto o mundo sensible como o ser dese mundo: o que está, pero non se ve. A súa obra non recolle unha descrición literal do acaecido senón a súa interpretación "os hábitos que implica, as marcas abertas no ser" cunha ollada crítica e poética sobre a realidade mediante a actualización dun sentimento sobre algo que ocorreu, sobre cómo lle afectaron uns feitos, unhas imaxes e unhas historias. Erick Beltrán estuda as estratexias mediante as cales seleccionamos un grupo de cousas ou ideas dun universo para a construción dun discurso "materializado nun xornal estendido, un xornal de máis de trescentas páxinas titulado Maduración de Ostwald (2006)", consciente de que todo conxunto, toda información pode ser outra se se ten unha forma distinta de editala e/ou traducila. Francesc Ruiz reescribe a través do debuxo "ou mediante a ampliación, repetición ou solapamento da fotocopia" itinerarios urbanos, neste caso na zona alta´ de Barcelona, a partir da súa experiencia do espazo, de cómo se ve afectado por el. Itinerarios realizados de memoria, pero que na súa reelaboración tamén se alimentan doutras fantasías xeográficas e poéticas. Jeanne Faust elabora ficcións fílmicas, construíndo e actualizando imaxes e historias procedentes dunfondo colectivo´ de memoria e experiencia. En Balmorhea (1999-2000), The Mansion (2004) ou IV (2005), crea historias onde a experiencia persoal das personaxes "que case sempre é unha reactuación de situacións cotiás xa acontecidas" vese interferida e deformada por construcións culturais colectivas. Na súa instalación Aus Schlafes Bruder (2005-2006), Massimo Bartolini incide nunha transformación do espazo mediante o desenvolvemento dunha intensidade, neste caso sonora, que despoxa ao espectador da sensación de pertenza ou costume. Unha forza que o afecta intensamente, quizais porque interrompe bruscamente o hábito que a recoñece.

Comisario/a: Nuria Enguita

Artistas: Yael Bartana, Massimo Bartolini, Erick Beltrán, Bleda y Rosa, Jeanne Faust, Xisco Mensu, Francesc Ruiz